Friday 03 de May de 2024

O Concello de Moeche recorrerá a sentenza que obriga a indemnizar con 37.000 euros ao exalcalde Xulio Cribeiro


O Concello de Moeche recibiu hai uns días a notificación do Xulgado do Contencioso Administrativo nº1 de Ferrol pola que se lle comunica o fallo do recurso presentado polo anterior alcalde, Xulio Cribeiro, reclamando algo máis de 37.000 euros polos gastos da súa defensa no pleito impulsado pola Fiscalía en 2009 por presunta malversación de fondos públicos. A sentenza é favorable a Cribeiro e insta ao Concello a que satisfaga a contía reclamada. Porén, contra dela cabe recurso de apelación que o goberno local ten previsto levar adiante nos vindeiros días “por unha cuestión de responsabilidade, de dignidade institucional e de defensa do interese público”, tal e como asegurou a rexedora local Beatriz Bascoy.

A sentenza recibida recentemente ocúpase exclusivamente de darlle a razón a Cribeiro no asunto da cantidade reclamada en concepto de gastos de asistencia letrada e dos peritos caligráficos contratados para a súa defensa no xuízo do que sairía absolto en 2013 por un xurado popular. O fallo do tribunal popular considerou un feito probado que o exalcalde repostou combustible a conta do Concello durante varios anos e, ao mesmo tempo, cobrou dietas de desprazamento. Algo que, finalmente, non xulgou como unha práctica constitutiva do delito de malversación.

A sentenza absolutoria foi recorrida polo Concello en 2013 e, posteriormente, ratificada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. O 31 de xullo de 2014, sendo de novo alcalde baixo as siglas de PRO.PO.MO, Xulio Cribeiro rexistrou no Concello a solicitude de que se lle fixese efectivo o pagamento dos gastos derivados da súa defensa, cuantificados no escrito en 37.025 euros. Unha petición que o ente municipal -gobernado por el mesmo- non respostou nin en positivo nin en negativo, quedando rexeitada de facto por un silencio administrativo contra o que, andando o tempo, o propio Cribeiro presentaría un contencioso.

A situación explícaa a actual rexedora, Beatriz Bascoy: “Xulio Cribeiro estivo gobernando arredor dun ano e medio, desde principios de 2014 ata as eleccións de 2015. Nese tempo puido resolver a reclamación delegando no seu primeiro tenente de alcalde, Roberto Bouza, pero non o fixo. Calquera membro do seu goberno puido aprobar o pagamento. En vez diso deixou pasar o tempo e despois, tras perder as eleccións, presentou un recurso contencioso administrativo contra ese silencio administrativo que durante o seu mandato puido quedar zanxado”. “Agora o xulgado -prosegue Bascoy- acaba de fallar ao seu favor declarando procedente o pagamento dunha cantidade que nós seguimos considerando que non se axusta ao que sería razoable por tratarse dunha cifra pactada libremente entre Cribeiro e os profesionais que lle axudaron a defenderse no asunto da repostaxe. Por este motivo cremos que o fallo debe ser recorrido e así o faremos”.

Para a alcaldesa a presentación do recurso contra a cantidade demandada por Cribeiro “é unha cuestión de responsabilidade, de dignidade institucional e de defensa do interese público”. Bascoy lamenta que o Concello de Moeche “como institución” se encontre nestes momentos “arrastrando un asunto que leva case unha década encerellando a vida política e social” que, en palabras da rexedora “é resultado das leas internas e de poder no seo do Partido Popular de Moeche agravadas pola deixadez do partido a nivel galego. Unha situación grave alimentada tamén pola tardanza en actuar de persoeiros como o de Alfonso Rueda ou Juan Juncal, a quen agora Cribeiro lle pide contas por telo forzado a dimitir cando a Fiscalía o acusou de malversación”.

Sobre a orixe de toda a cuestión -o feito probado de que Xulio Cribeiro repostaba a conta das arcas municipais e, ao mesmo tempo, pasaba gastos de desprazamento-, a rexedora local sinala que “é unha cuestión xulgada. A Fiscalía veu indicios delictivos e denunciou eses feitos e o Concello sumouse como acusación particular. Un xurado popular absolveu a Cribeiro de malversación de fondos públicos. Acatamos e respectamos as sentenzas, como non podía ser doutro xeito, pero iso non quita de que botar gasóleo a conta do Concello e cobrar despois dietas nos siga parecendo a nós e a moita xente de Moeche un comportamento, cando menos, pouco ético”.